Coastwatch Galicia:

unha experiencia de educación ambiental



A incorporación da Educación Ambiental ó currículo escolar supón o recoñecemento  do importante papel que o medio ambiente xoga na vida das persoas e no desenvolvemento da sociedade; representando a implicación da escola na mellora do entorno humano, e entendemos a E.A. como:

"Unha dimensión da educación integral das persoas e colectividades sociais, que nas súas diversas manifestacións e prácticas, promove o coñecemento, interpretación e concienciación respecto das diferentes problemáticas ambientais, do seu impacto local e planetario, activando competencias e valores dos que deriven actitudes e comportamentos congruentes coa ética ecolóxica que se precisa para participar na construcción dun desenvolvemento humano sostible".

A información ambiental e a formación ambiental, a pesar de seren condicións valiosas e mesmo necesarias, non son suficientes para a educación ambiental, polo que non deberán ser asimiladas a esta. A educación ambiental, deriva en novas oportunidades para a adquisición de saberes (toma de conciencia, coñecementos), de saber-facer (competencias, aptitudes) e de saber-ser (valores, actitudes, ética), achegando significados que transcenden a simple información e formación ambientais.




Os seguintes cadros reflicten as diferentes dimensións ou aspectos que presenta Coastwatch Galicia como unha experiencia de Educación ambiental.



Hábitos e destrezas

Organización en Grupos
Traballo en equipo
Educa-la capacidade de observación
Educa-la capacidade de avaliación
Exercita-la toma de decisións
Importancia e Coherencia entre a observación persoal e a información que se subministra.

Transversalidade

Estatísticas
Informes
Os residuos
Espacios naturais
Dinámica de poboacións
As praias como ecosistema
Dinámica sedimentaria no litoral

Iniciativas

Limpeza do litoral
Exposición de residuos
Contactos co Institucións
Denuncias públicas
Información

Exercer como cidadán

Informarse sobre os problemas, as súas causas e as posibles solucións
Familiarización coa organización administrativa da sociedade: leis, normas, ...
Reclamar accións institucionais: petición de información, queixas administrativas, ...
Responsabilidade e Compromiso persoal: "vivimos no mundo que construimos coa nosa conducta, decisións e actitudes".


Aspectos relacionados co desenvolvemento persoal.

  • Organización de Grupos.- Hai que organizar, discutir e repartir a zona de estudio entre o grupo participante (normalmente unha clase, ou alumnos/as da mesma disciplina), intervindo tanto os alumnos/as como o profesor(es) que coordinan a experiencia no centro escolar.
  • Traballo en equipo.- Dentro dun grupo responsable da inspección de 500 metros de costa cada participante desenvolve un labor propio, sendo responsable dunha parte da investigación.
  • Educa-la capacidade de observación.- Para poder contestar correctamente ás preguntas da enquisa estamos obrigados a ver, contar, buscar obxectos, lixo, ..
  • Educa-la capacidade de avaliación.- En determinadas preguntas temos que emitir un xuízo sobre o estado do litoral, a limpeza da praia, ..
  • Exercita-la discusión e toma de decisións colectiva.- As preguntas da enquisa só admiten unha resposta, polo que cando varios membros de grupo de traballo teñen distinta opinión ou percepción sobre algunha pregunta é necesario discutir, argumentar e finalmente tomar unha decisión colectiva sobre o asunto.
  • Importancia do Rigor e da Coherencia entre a observación persoal e a información que se subministra.- O traballo de campo permite realizar unha "fotografía" do estado do litoral nese momento, e esta fotografía debe reflecti-la  realidade para que poidámo-la comparar ca de anos anteriores ou para que poidamos tirar conclusións.

Aspectos relacionados co currículo escolar, transversalidade .- 

Comprende un conxunto de iniciativas relacionadas co desenvolvemento das diferentes materias que conforman o currículo dos alumnos/as participantes; cada unha delas adaptable ó nivel educativo dos alumno/as e con obxectivos propios a definir polo profesorado responsable.

  • Área de matemáticas. Elaboración de estatísticas, gráficos, comparación de series temporais, porcentaxes, ...
  • Área de Lingua. Elaboración de informes,..
  • Área de Sociais. A poboación, os recursos, ...
  • Área de Ciencias Naturais. Espacios naturais, dinámica de poboacións, as praias como ecosistema, dinámica sedimentaria no litoral, residuos domésticos, ....
  • Informática. Procesador de textos, folla de cálculo, programa de gráficos, ..

Aspectos relacionados coa acción ambiental. -

Comprende unha serie de iniciativas relacionadas coa "acción", a posibilidade que temos de intervir directamente na concienciación e/ou resolución, de problemas ambientais.

  • Unha xornada de limpeza do litoral en colaboración co concello
  • Unha exposición dos residuos que atopamos na praia
  • Realizar contactos con Institucións responsable có ánimo de conseguir información,
  • Podemos emprega-los resultados no noso traballo para dar a coñecer publicamente a situación do litoral do seu concello, ...

Dimensión social do individuo .-

Este apartado configúrase arredor dunha serie de iniciativas relacionadas con actitudes e valores que atinxen ó significado de vivir en sociedade, e que poderíamos exemplificar  na frase "exercer como cidadáns".

  • Informarse sobre os problemas, as súas causas, posibles solucións
  • Familiarización coa organización administrativa da sociedade: leis, normativas,. ..
  • Reclamar accións institucionais: petición de información, queixas administrativas, ..
  • Responsabilidade e Compromiso persoal: "vivimos no mundo que construímos coa nosa conducta, decisións e actitudes"