Coastwatch- Galicia 2001

 

                                         Datos estatísticos 
 
 
CAMPAÑA COASTWATCH GALICIA 2001

 

A participación na campaña.

    Os altibaixos na participación son unha característica destes traballos feitos con voluntarios. Este ano a porcentaxe de costa supervisada é practicamente o mesmo que no ano 2000, e máis baixo con respecto as campañas anteriores. Nesta campaña supervisáronse  212 unidades que equivalen a 101 Km e preto do  16% da costa accesible de Galicia.

             De tódolos xeitos, cando observamos con máis detalle a distribución de enquisas por Concellos podemos apreciar a estabilidade de moitos grupos de traballo onde se inspeccionan porcentaxes de costa entre o 30% e o 40% da liña de costa do Concello (Baiona, Nigrán, Vigo, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, Outes, Carnota, Carballo). Se temos en conta a dificultade de acceso que ten a nosa costa en moitos dos seus puntos, podemos deducir  que os datos seguen a aportar moita información significativa. Outro aspecto a ter en conta e que algúns grupos de traballo, despois de anos de experiencia nas súas zonas de mostraxe,  concentran a súa actividade nas praias, e nos puntos onde se acumula  máis o lixo, supervisando polo tanto só una parte do bloque. Este feito rebaixa o número de enquisas totais, pero reflicte, así, una atención particular ás zonas máis sensibles.

     No referido o número de envases de bebidas, tanto de vidro como de plástico ou briks, as cantidades son moi semellantes ás do ano anterior e as medias por unidade practicamente iguais  ás doutros anos. En resumo, mantéñense de xeito moi regular as porcentaxes de lixo.

    Sempre destacamos  o número de pneumáticos que cada ano se contabilizan. Nesta campaña foron 396 o que representa case 2 por unidade.

    Moi semellante tamén é a apreciación que fan os mostreadores sobre o estado de limpeza da costa. As porcentaxes de costa considerada moi sucia, medio sucia e limpa mantense dentro dos mesmos rangos que nos anos anteriores; sinalan a mesma situación: a zona supralitoral moito máis chea de lixo que a  zona mesolitoral. A orixe probable da meirande parte do lixo e vertedoiros puntais atopados,  tamén, como nos  anos anteriores, é relacionada polos participantes cos habitantes do lugar.

Costa mostreada nas distintas campañas CoastWatch-Galicia
 
ano no enquisas Km percorridos % sobre  total  % sobre accesible
1993 477 238,5 22 37
1994 611 305,5 28 47
1995 391 195,5 18 30
1996 508 254,0 23 39
1997 478 293,0 22 37
1998 441 220,5 20 34
1999 352 176 16 26
2000 196 98 9 15
2001
210
105,5
10
16

 

1996 1997 1998 1999 2000 2001
Formigón, entullo 41 48 46 48 49 47
Coches, máquinas... 25 26 29 23 22 25
Mobles 30 36 37 31 30 33
Bolsas con lixo doméstico 44 53 54 45 42 46
Restos de naufraxios 20 27 31 25 39 24
Restos agrícolas 17 21 19 17 19 20
Roupa, textil, calzado.. 72 72 77 75 77 72
Papel, cartón... 85 85 88 86 86 86
Plásticos.. 84 45 91
94 94
Poliestireno 67 59 77 75 76 67
Envases de bebida de: 
Vidrio
Lata
Plástico

73
76
83

70
67
45

79
74
91

78
72
90

84
73
48
81
67
59
Material hixiénico 53 46 60 56 65 54
Residuos médicos 27 24 29 31 31 33

Os datos refírense á porcentaxe de unidades nos que se atopou o tipo de lixo ou residuo que se indica na táboa.   

1

 
   
 "Que facemos co litoral"

......................................



    Despois de nove anos de campañas ininterrompidas dos voluntarios  Coastwatch-Galicia, o proxecto foi botando raíces en moitos centros de ensino nos que este traballo forma parte xa das actividades encamiñadas a formar a sensibilidade dos alumnos con respecto ó medio ambiente. O Proxecto Coastwatch perfilase, pois, como unha interesante actividade de educación ambiental, como unha forma de sensibilizar ós cativos do problema da xestión dos residuos que producimos e das estratexias máis axeitadas para dirixir as intervencións sobre os espacios litorais. Contar e mirar o lixo é unha forma moi directa de favorecer  o troco das conductas dos futuros cidadáns. Ademais, a través dos datos que se van recollendo na enquisa de mostraxe, a nosa mirada sobre o litoral vai fixándose en  aspectos nos que normalmente non observamos: pensar na orixe do lixo involúcranos  como productores del; describir o espacio próximo á costa e detallar os uso destes espacios matiza e amplía a visión máis abstracta ou, as veces,  parcial que xeralmente se ten do litoral; localiza-las actividades humanas sobre os espacios costeiros permítenos ver a complexidade de elementos a ter en conta en lo que sería a xestión integral e sostida dos recursos variados deste medio e dos seus valores naturais,...

    Este interesante potencial do Proxecto Coastwatch  levou ó grupo coordinador á idea de elaborar a exposición que baixo o título  ¿Que facemos co litoral? fora unha ferramenta a  disposición dos centros de ensino que xa participan nas campañas  para ampliar o seu traballo sobre a xestión do litoral. Preténdese  que unha  visita atenta nos  axude na reflexión sobre que é o que facemos no litoral, e cales son as consecuencias das nosas actuacións e actividades.

    Está organizada arredor de 6 paneis e dúas mesas. Os paneis reflicten que é o litoral e as estratexias seguidas ata de agora  no seu desenvolvemento, as consecuencias deste tipo de estratexias, e as alternativa de desenvolvemento sostible. As mesas, pola súa banda, teñen un contido máis concreto e representan como é o litoral mediante unha maqueta a escala e unha duna de area, na que atopamos todo tipo de obxectos imaxinables, tal e como sucede na realidade, así como información sobre estes residuos: tempo de pervivencia no mar, cantidades atopadas, perigo que levan  para os organismos mariños.....


    Abre a exposición un panel que introduce a idea que se desenvolverá ó longo da visita: os distintos xeitos de entender o litoral. Poderíamos dar diferentes definicións  segundo o uso e como aproximámonos á costa: a visión do xeólogo ou do biólogo, a do pescador, a do bañista, a do veciño que vive preto do mar, a das industrias do mar,...  Pero o litoral é unha unidade, e non debémolo esquecer se queremos  falar  dun desenvolvemento que harmonice o seu emprego como un recurso, como un lugar no que vivir e como un valor natural a conservar.

    O Panel "A poboación e os residuos urbanos" presenta ó litoral como asento da poboación, e mostra como nos últimos anos asistimos a un incremento da súa densidade, sobre todo no contorno A Coruña-Ferrol e nas Rías Baixas. Este incremento da poboación costeira implicou unha maior urbanización do espacio e unha maior producción de residuos domésticos, e como non foron creadas as infraestructuras necesarias (planos de tratamento do lixo, planeamento urbanístico, ...)  traduciuse nun deterioro do litoral baixo a forma do incremento da contaminación e da perda da súa  calidade.

    No panel ofrécense algúns datos sobre a cantidade de lixo producida por habitante e ano,  sobre o consumo de auga para usos domésticos, as cantidades que vertemos ó mar cheas de residuos e as que se depuran.

    O seguinte panel dedícase o "Uso recreativo do litoral". A visión do litoral só como praias e espacios de ocio, e a construcción de  equipamentos pensados só para o curto prazo, sen ter en conta que o litoral e as praias son unha entidade complexa que en "diálogo" co mar evolucionan e cambian a súa morfoloxía conduce, en moitos casos, á perda das propias praia.

    O panel explica de xeito sinxelo como se forman as praias, como actúa a dinámica mariña e como a progresiva urbanización e concentración da poboación no litoral, sen ter en conta os delicados equilibrios que lle dan a súa particular morfoloxía, provoca o seu deterioro: un  incremento da contaminación das augas e a erosión e perda dos areais.

    Pasamos logo o panel  "Uso industrial do litoral". Falamos do asentamento de fábricas e industrias que agreden gravemente no medio mariño cos vertidos  de substancias que deterioran a calidade das augas e fan diminui-la súa capacidade para o mantemento da vida, poñendo en perigo os recursos pesqueiros e marisqueiros.  Nomease as grandes concentracións industriais, dende a Alumina de Lugo, os Estaleiros de Ferrol, o núcleo industrial de A Coruña, Carburos de Cee, Celulosas de Pontevedra ou e Vigo. Pero, queremos facer fincapé nun tipo de contaminación máis disperso, que podemos atopar ó longo de todo o litoral galego, e de aí o seu perigo e importancia. Esta é a idea a  subliñar  cos exemplos de  industriais que se presentan: a industria conserveira e a entrada de petróleo e aceites no mar como consecuencia de actividades "normais" (escorrenta, augas residuais urbanas, ... .).

    O panel Una nova estratexia pecha a idea desenvolvida ó longo do percorrido e  apunta algunhas das liñas de actuación para una xestión sostible dos espacios litorais.  É una proposta para modifica-las nosas actuacións e poder dispoñer no futuro destes recursos hoxe en perigo.

    ¿Como facer compatible o uso do litoral como asentamento da poboación, coa súa explotación turística e industrial preservando en boa mediada  a súa riqueza e naturalidade?

    ¿Que podemos e debemos facer, e con que armas contamos?.

    Exercer como cidadáns supón a reflexión e a decisión sobre que  relación co medio queremos e que valor dámoslle á calidade do medio no que imos vivir .Tratase pois de reflectir tres elementos fundamentais para a educación dos cidadáns responsables: 

    *    actuacións como cidadáns responsables co seu contorno,
    *     o desenvolvemento sostible como estratexia  concretada na xestión dos espacios litorais,
    *     o coñecemento das normas e regulamentos que afectan ó litoral (Lei de Costas, Lei de Augas...).

    Rematamos a exposición cun panel dedicado a nos mesmos: que é Coastwatch-Galicia e algúns resultados dos 9 anos de existencia deste grupo de voluntarios que  prestan un pouco do seu tempo ó estudio da contaminación do litoral. Presentamos unha pequena revisión do traballo realizado.

    A exposición ¿Que facemos co litoral?, organizada por Coastwatch-Galicia, contou coa colaboración da Dirección Xeral de Formación e Extensión Pesqueira da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e dende o pasado outono circulou polos centros de ensino de distintos Concellos da provincia de Pontevedra (Nigrán, Oia, A Guarda, Vigo, Moaña, Pontevedra, Cambados e Illa de Arousa). No outono que ven, comezará a súa andaina polos Concellos de A Coruña e Lugo.